miércoles, 23 de junio de 2021

Sesión de Robótica PT

Os nenos e nenas de 1º A coñeceron ao robot DOC na sesión de PT. Tras familiarizarnos co seu funcionamento, traballamos o seguimento de instrucións e a orientación espacial a través da interpretación dun plano dunha vila presente no noso taboleiro. Foi moi divertido!




Sesións de Robótica en AL

O alumnado de 5 anos B, 1º A e 1º B coñeceron o Escornabot. Practicaron coas palabras con R resolvendo unhas divertidas adiviñas, unha vez que sabían a resposta tiñan que dirixir ao robot á imaxe correspondente, ademais traballaron a estruturación sintáctica creando pequenas oracións coas palabras que foron descubrindo. Pasámolo en grande!





Sesións de Robótica 5 anos B

 

Os nenos e nenas de 5 anos B coñeceron a DOC nas sesións de PT e AL. Traballaron a orientación espacial e a estimulación da linguaxe oral coñecendo novo vocabulario e a través da creación de pequenas historias cos elementos presentes no taboleiro. Pasárono xenial!



domingo, 13 de junio de 2021

SESIÓN CO PROGRAMA "TINKERCAD" EN 6º DE EP. (V)

 

O mércores, 2 de xuño o alumnado de 6º tivemos a última sesión de robótica co profesor especialista. 

Desta vez traballamos coa páxina de "Tinkercad". Co usuario e contrasinal entregados, cada alumno e alumna deseñou o seu propio chaveiro e máis tarde gardouno na aplicación, para poder imprimilo en 3D cando quixeran. Repasáronse moitos contidos matemáticos estudados ao longo do curso.

Os que remataron antes este traballo debuxaron despois o número 6 empregando unha serie de figuras. 

Foron unhas sesións moi divertidas e lúdicas, que nos achegaron un pouquiño máis ao apaixoante mundo da robótica.




SESIÓN COS ESCORNABOTS EN 1ºA E 1ºB

 O alumnado de 1º, os días 10 e 15 de xuño, estivo familiarizándose co manexo do "Escornabot" e iniciándose nuns coñecementos básicos sobre o funcionamento do mesmo.

Descubriron que o robot leva a cabo unhas accións que responden ás ordes que previamente lle foron dadas.

Este sinxelo robot educativo consta de 5 botóns que introducen os comandos de movementos:

-Branco: executa as ordes.

-Azul: avanza 10 cm.

-Amarillo: retrocede 10 cm.

-Verde: xira 90º á dereita.

-Vermello: xira 90º á esquerda.

Nesta primeira sesión o reto era sinxelo; consistía en establecer a secuencia de movementos que tiña que realizar o Escornabot para chegar ao obxectivo marcado.

Desta maneira traballamos a orientación e a programación.

A actividade resultou motivadora para o alumnado que amosou unha gran habilidade no manexo do robot.



















martes, 8 de junio de 2021

DESEÑO EN 3D CO ALUMNADO DE 5ºA

O mércores, 2 de xuño o alumnado de 5ºA tivo a última sesión de robótica co profesor especialista. 

Traballaron esta vez coa páxina de "Tinkercad". Co usuario e contrasinal entregados, cada alumno e cada alumna deseñou o seu propio chaveiro e máis tarde gardouno na aplicación, para poder imprimilo en 3D cando quixeran. Repasamos con esta actividade conceptos xa estudados en clase de Matemáticas, como os xiros no plano e as unidades de lonxitude. Unha actividade moi interesante onde o alumnado puido ver unha aplicación práctica dos contidos estudados. 

Os que remataron antes este traballo debuxaron despois o número 5 empregando unha serie de figuras. 







SESIÓN CON MBOT EN 5ºA

O mércores, 26 de maio o alumnado de 5º A tivo unha sesión de mBot co profesor especialista en robótica. 

Conectou cada parella o seu robot ao ordenador e a partir de aí comezaron coa linguaxe de programación.

1º Función semáforo. Puxéronlle ao seu robot unha luz vermella durante 3 segundos, outra amarela durante 2 segundos e unha verde durante 1 segundo. Despois conseguiron que se apagasen todas as luces e se repetise un número determinado de veces.

2º Bombilla RGB. Control do acendido das luces a través das teclas do ordenador. 

3º Introducir un son cando se acenda a luz vermella que dure uns segundos. 





SEGUNDA SESIÓN DE SCRATCH EN 5ºA CO PROFESOR ESPECIALISTA

Na xornada do 29 de maio, o alumnado de 5ºA recibiu a segunda sesión de Scratch co profesor especialista en robótica. 

Desta vez tiveron que crear un videoxogo no que debuxaron un escenario cun labirinto. Colocado un scrip dentro, tratábase de conducilo ata o final, de tal maneira que se tocaba un borde do labirinto volvía ao principio e cando conseguía chegar ata o final, aparecía outra pantalla cunha mensaxe de felicitación. 






martes, 1 de junio de 2021

SESIÓN COS MBOTS EN 6º DE EDUCACIÓN PRIMARIA (IV)

 

O mércores, 26 de maio o alumnado de 6º de Educación Primaria realizamos a cuarta sesión de robótica impartida polo mestre especialista. Nesta ocasión traballamos co programa Mblock.

En primeiro lugar conectamos os mbots cos ordenadores para comezar a darlles as ordes: utilizamos os comando para facer un semáforo e unha lanterna.

a) A actividade do semáforo consistía en que o robot acendese: un led de cor vermella durante tres segundos, un led de cor amarelo durante un segundo, un led de cor verde durante un segundo e estivese outros tres en espera.

b) A actividade da lanterna consistía en que o mbot acendese un led vermello ao pulsar a tecla "a" e se apagase ao pulsar a tecla "b".

Unha vez máis, foi unha sesión moi divertida e na que aprendemos moitas cousas máis deste mundo tan entretido da robótica.




 

 

 

SESIÓN COS MBOOTS EN 4º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

O mércores 26 de maio os alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria tivemos a penúltima sesión de robótica impartida polo docente especialista. Desta vez descargamos o programa mblock e actualizamos todo o necesario para que este programa estea operativo en todos os PCs da aula de informática. Despois conectamos os mboots cos ordenadores para poder dar indicacións aos nosos robots. Utilizamos os comandos para facer un semáforo e unha linterna. A actividade do semáforo consistía en que o robot acendese: un led de cor vermella durante 3 segundos, un led de cor amarelo durante 1 segundo, un led de cor verde durante 1 segundo e estivese 3 segundos en espera. A actividade da linterna consistía en que o robot mboot acendese un led vermello ao pulsar a tecla “a” e se apagase ao tocar a letra “b”.